jueves, 10 de enero de 2013

ALGO MÁIS DE MEDIO SÉCULO DE REBELDÍA CULTURAL




Na actualidade, as Asociacións culturais son para nós parte da nosa cultura. Pero non sempre foi así e estas asociacións tiñeron unha labor moi importante no impulso da nosa cultura. Unha delas, que levou a cabo unha revolta cultural dende a súa sede compostelana, foi a Asociación cultural O Galo.

Por revolución cultural pode entenderse calquera corrente artística, filosófica e estética que propoña e expoña expresións creativas innovadoras, orixinais ou libres e que dalgún xeito resultan antagónicas ao canon ou tradición cultural establecida á que os partícipes de tal revolución consideran retrógrada, alienante ou asfixiante.

Exposición postais de Castelao en Santiago de Compostela organizado por O Galo
Dende que no piso de Salvador García Bodaño e Aurichu Pereira, na rúa compostelá do Preguntoiro, se incubase o xermolo do Galo ata hoxe, pasou algo máis xa de medio século. Era o ano 1961 e Galicia e a súa cultura pasaban outra vez por unha época escura. A sensibilidade co idioma e a cultura propia uniu un grupo de mozos desvinculados do grupo Galaxia en torno á figura dun galo, "símbolo dunha tarefa e dunha esperanza". Decidiron pasar á acción pública disfrazados de organización que, tal e como expresaba nos seus estatutos, fortalecería "o acervo dos valores patrios" da España de Franco e que respectaría a lei de asociacións pola cal debía ser "compatible coa moralidade" que seguía impoñéndose aqueles anos.

A pesar de ter que superar moitos obstáculos , o primeiro ano de actividade foi moi productivo .  O evento que consolidou a idea de aqueles mozos foi unha mostra de pintura de artistas Galegos celebrada no Hostal dos Reis Católicos.  Estreouse alí  o logotipo da sociedade : o galo diseñado por Ventura Cores. A exposición 20 pintores gallegos reuníu a a corenta e cinco obras de artistas como Quesada ,Virxilio,María Antonia Dans ou Lugrís . Vicente Risco foi o encargado de inaugurar o programa das actividades.

Ese mesmo ano tivo lugar a polémica representación da obra teatral As cadeiras, de Ionesco. O teatro foi unha das armas que máis usou O Galo na súa particular loita. Pronto puxeron en marcha a Escola Galega de Teatro. Ademais, no 1963 convocouse o Premio Castelao de teatro. Este galardón xurdíu tras as protestas pola discriminación do galego nun certame que organizaba o Sindicato Español Universitario (SEU) e que admitía obras en éuscaro e en catalán. As protestas consistiron en organizar unha colecta para crear un certame teatral propio. Esta iniciativa foi despois coñecida como a Campaña do peso.

Pronto puxeron en marcha clases de galego, que impartían os membros da asociación. E non era doado. A gramática explicábase de forma intuitiva, porque pouco se sabía daquel idioma que se falaba na casa, pero que nin se escribía nin se aprendía. As actividades completábanse con clases de canto e gaita, coa colaboración de Cantigas e Agarimos. Xa no ano 1963 se empezaron a celebrar conferencias de temas relacionados non só coa cultura, senón tamén coa economía de Galicia.
 
A pesar do activa que se mantivo a organización nos seus primeiros anos, os atrancos foron moitos. Os antecedentes políticos dos integrantes da primeira directiva foron estudados pola comisaría de Santiago para asegurarse de que a organización non era "perigosa". Ademais, a cada reunión oficial da directiva acudía persoal da Garda Civil. Pero aínda así, os integrantes do Galo souberon estar entre as leis e sacar adiante un modelo de activismo cultural de oposición ao Réxime que pronto imitarían noutros puntos de Galicia. A asociación cultural O Facho da Coruña, que naceu 1963, é o mellor exemplo. Xa no 1964, cunha nova Lei de Asociacións máis permisiva, xurdiron agrupacións por todo o territorio galego que anunciaban o  rexurdir dunha cultura e un idioma.

Hoxe segue esta asociación a ser un referente, con iniciativas culturais e artísticas que podemos consultar na súa páxina :

No hay comentarios:

Publicar un comentario