domingo, 20 de enero de 2013






NOVO CINEMA GALEGO


"O próximo 23 de xaneiro comeza o festival de Róterdam cunha estrea galega". Así comeza o artigo do suplemento Culturas do xornal "La Voz de Galicia", no que Alberto Gracia fala da súa primeira longametraxe O quinto evanxeo de Gaspar Hauser. Recoñece o director que é un premio, e non deixa de ser unha sorpresa que a súa primeira longametraxe fora seleccionada para este festival." Estar no festival de Róterdam era un obxectivo que tiñamos cando fixemos a película…" (Alberto Gracia. Entrevista de Camilo Franco no suplemento Culturas.(19/01/2013))

No mesmo xornal e o mesmo día, atopábame con outra noticia sobre cinema galego: " Un filme de Villaverde acumula 400 millones de descargas en internet". Foi isto o que me fixo pensar: ¿ que está a acontecer co cinema galego ?Estos son algúns datos sobre o tema que atopei: 




Se hai algo que caracterizou o cine de vangarda realizado nos últimos anos é a ruptura coa clasificación tradicional dos xéneros cinematográficos. A hibridación e a mestizaxe nos discursos narrativos fai que, en numerosas ocasións, a ficción estableza vínculos co documental para a súa construción e, pola súa banda, o documental rompa as presuposicións de verdade e obxectividade, derivando cara a un discurso con aparencia ficcional, o que implica un novo debate en torno á vixencia de gran parte de clasificacións ou taxonomías propostas ao longo da historia do audiovisual.

Esta nova forma de concibir o cine tamén tivo as súas consecuencias no audiovisual galego, a aparición do denominado Novo Cinema Galego. Movemento que xorde a partir do ano 2005 coa aprobación dunha serie de axudas para a creación a novos realizadores e a promoción das súas obras en diferentes certames e festivais internacionais. Este cine, que podemos definir como un cine de fronteira tanto narrativa coma espacial, logrou que, por primeira vez na historia, se sitúe a Galicia nas vangardas de creación cinematográfica. 

A chegada do novo século introduciu unha serie de transformacións no panorama audiovisual que afectaron non só ao ámbito tecnolóxico, senón tamén ao discursivo e á concepción do relato cinematográfico, froito da hibridación e da mestizaxe dos xéneros. No caso do audiovisual galego, estas novas concepcións deron lugar ao xurdimento dunha serie de producións que se realizaron nos últimos cinco anos grazas, en boa medida, á apertura dunha serie de axudas por parte da desaparecida Axencia Audiovisual Galega e continuadas, en menor medida, polo AGADIC (Axencia Galega de Industrias Culturais).

Estas producións veñen da man dunha nova comunidade de practicantes, que foi aparecendo ao longo dos últimos anos, revolucionou o panorama cinematográfico nacional e internacional. Non xorde dunha escola concreta senón que a conforman, máis ben, unha nova xeración de cineastas xurdida de forma máis ou menos espontánea e que vai en aumento tanto en número coma na diversidade de estilos. 




Este movemento que foi bautizado como Novo Cinema Galego polos críticos José Manuel Sande, Martin Pawley e Xurxo González, trata de servir de etiqueta coa que clasificar os traballos de autores tan heteroxéneos como Oliver Laxe, Eloy Enciso, Ángel Santos, PequeVarela, Lara Bacelo, Alberte Pagán ou o propio Xurxo González. 


Os elementos que poden caracterizar este grupo de creadores céntranse na súa postura ante o feito cinematográfico fronte á produción industrial. Non obstante, estamos ante a primeira xeración de creadores que se achegan á realidade cunha total liberdade e coa única limitación do seu compromiso estilístico. Por outra parte, a formación destes autores é moi heterodoxa, xa que proveñen das belas artes, de escolas cinematográficas ou de campos tan dispares como a filoloxía ou a historia. Á vez, esta formación heterodoxa converte este tipo de cine nunha nova mirada plural e diversa, xa que os referentes que empregan estes autores e as súas perspectivas son moi variadas. Ademais desta formación multidisciplinar, outros factores que definen este grupo de cineastas apuntan aos procesos de dixitalización, o amateurismo e a autoprodución. Outro trazo común a todos estes creadores é a militancia e a supervivencia. A militancia entendida como un proceso de aferrarse a aquilo no que cren, non se someter aos criterios comerciais, manterse nunha posición afastada da produción industrial, a ruptura coas formas narrativas e a forma cinematográfica imperante. En canto á supervivencia, na maior parte das ocasións, estes autores decidiron dedicarse a crear unha obra persoal á marxe de calquera interese comercial.

Chegados a este punto, hai que destacar o caso de Todos vós sodes capitáns de Oliver Laxe, obra financiada con 30.000 euros por parte da Axencia Audiovisual Galega, que consegue chegar a Cannes 2010 e obter o premio FIPRESCI, o que a converte nun fito no audiovisual galego e a consagra como un referente para un gran número de creadores que opta pola independencia, a liberdade e o desenvolvemento  dunha cinematografía persoal .


Novos modelos de produción: As condicións de produción, a pesar de non ser as óptimas, si se viron facilitadas polo xurdimento e desenvolvemento das novas tecnoloxías e as novas formas de distribución que xurdiron ao longo dos últimos anos, o que algúns teóricos deron por chamar a democratización dos medios. Esta revolución dixital provocou que as tecnoloxías que se empregan para realizar un proxecto audiovisual se abaraten e sexan cada vez máis sinxelas de manexar. O vídeo foi un dos mellores aliados no xurdimento de novos realizadores e na aparición de novos modelos narrativos. Nos últimos anos asistimos á aparición de obras realizadas cunha simple minidv e unha única persoa cun nivel de calidade moi elevado tanto por contido, guión e estrutura narrativa coma polo seu discurso formal.

Por outra parte, as novas correntes audiovisuais encontraron un aliado máis na rede. Se ata hai pouco era extremadamente complicado acceder a certos contidos, o desenvolvemento da web 2.0 facilitou non só o acceso a ese material senón tamén a creación e o intercambio de experiencias entre os axentes culturais e os creadores. Son numerosas as plataformas que xurdiron ao longo dos últimos anos, nas que tanto directores consagrados coma novos realizadores poden mostrar o seu traballo. Un exemplo paradigmático é a aparición de hamacaonline.net, dedicado á distribución de vídeo arte e outras propostas audiovisuais de claro contido experimental. En Galicia, tamén se creou un espazo de difusión destes novos creadores: Flocos.tv. Esta plataforma, xurdida da extinta Axencia Audiovisual galega, converteuse aos poucos meses da súa creación nun punto de encontro dos creadores galegos a través da rede e un referente como centro de exhibición dos seus traballos vía online. Non obstante, esta proposta aplaudida tanto polos creadores coma polo público, viuse freada pola cegueira e o cambio de prioridades presupostarias da administración pública, que ademais de cesar a actividade da Axencia Audiovisual Galega, tamén paralizou a actividade de Flocos.tv.

A maior parte dos creadores que se agrupan baixo a denominación de Novo Cinema Galego traballan nun ámbito próximo ao real, aínda que algunhas obras pertencen á ficción, como Dous fragmentos Eva dirixida por Ángel Santos. Non obstante, non é oportuno falar de cine de ficción ou non-ficción como dúas modalidades de representación totalmente autónomas xa que o documental está constantemente traspasando esta barreira para apropiarse das ferramentas e elementos propios do cine de ficción a disposición dunha historia que contar. Ademais das sinerxías existentes entre o documental e a ficción, durante os últimos anos asistimos a un aumento na produción doutras formasfílmicas como o fake, o filme-ensaio, o cine de apropiación ou ofound footage, etc. Debido a isto, moitos autores cando se refiren a estas prácticas audiovisuais froito da hibridación e da mestizaxe prefiren englobalas baixo a denominación de documental de creación, cine non reconciliado, cine de non ficción ou as mutacións, tal e como as definiu Jonathan Rosenbaum. 


Cando falamos de periferia, nos referimos,a a zona máis próxima ao exterior de certo espazo. Evidentemente, ao asumir esta posición, aceptamos a existencia dun centro. Por factores xeográficos, industriais e económicos o centro do sector pode ser identificado coa capital do Estado: Madrid, centro neurálxico da industria audiovisual española, onde se concentran a maior parte das empresas tanto produtoras, coma televisións, distribuidoras, etc. e onde se realiza o maior número de producións de carácter industrial. Periferia, tamén podemos identificalo como unha forma de entender o audiovisual e a articulación dos diferentes axentes que a compoñen. Esta visión achégase a unha actividade industrial que ten como finalidade o beneficio económico e se separa de calquera busca estética ou artística. Periferia tamén pode ser entendido respecto a uns modelos narrativos e universos cinematográficos.

A transformación do panorama audiovisual coa introdución das novas tecnoloxías provocou a aparición de novas rutinas de traballo e, en consecuencia, novos modelos de produción que favorecen a creación persoal e independente.

En España, un dos movementos máis interesantes produciuse en Galicia co xurdimento do denominado Novo Cinema Galego. Debido ao breve período de tempo no que se desenvolveu, este movemento aínda se encontra nunha fase de consolidación. Para cristalizar esta nova forma de concibir o audiovisual será necesario o apoio tanto de institucións públicas coma privadas. Non obstante, podemos afirmar que a intención por parte dos creadores de crear un novo modelo de produción audiovisual que consolide a Galicia dentro do cine independente no territorio estatal está a lograr converter a comunidade nun referente a nivel nacional e internacional no que se mostra unha mirada propia sen ter que recorrer a modelos prestablecidos.









No hay comentarios:

Publicar un comentario