lunes, 25 de febrero de 2013





O banco máis fermoso do mundo







Os asentos de Madeira delimitan o itinerario, dende o último tramo do Camiño da Costa ata a Ruta das Algas. Os viaxeiros deteñémonos a contemplar o Atlántico e as formacións rochosas que delimitan esta parte da costa de Ortigueira.


Este verán asomeime ó acantilado para ver os restos do embarcadeiro de Picón, un par de construcións, unha chalana e a rampla, partida á metade. Era o 12 de xullo de 2012. Entre o miradoiro da plaia do Sarridal, en Céltigos, ata a praia de Esteiro, xa en terras de Mañón, hai polo menos seis asentos de madeira, situados xusto á beira dos acantilados de Loiba.


A ruta dos bancos invita a camiñar e deterse para considerar unha paisaxe extraordinaria. Un paisano indícame que me acabo de sentar no banco máis fermoso do mundo, tradución aproximada da mensaxe que alguén escribiu hai tempo no respaldo: "The best bank of the World ".


Dende esta atalaia divísase o océano. Mar, ceo, rochas e as gaivotas que planean sostidas polo vento do norte. Ao oeste, mirando ao mar, o Cabo Ortegal e Os Aguillóns, e xa máis preto, acantilados de filitas e xistos e areais salpicados destas rochas afiadas. E as ondas apoderándose de todo. Mirando cara ao leste, comprobamos a proximidade de Estaca de Bares, o lugar máis setentrional da península. Aquí arriscan a vida os percebeiros, como no outro extremo, xunto ao faro de Cabo Ortegal.










Deixo atrás outro banco, o do miradoiro de Cadaval, xunto á baixada á praia de Fábrega. Son idénticos.Só cambia a luz.Cruce de camiños, punto de partida.Mensaxes que a xente plasma nos bancos. Nada varía, salvo a luz e o océano, agora máis escuro, en preamar.


O mellor banco do mundo hai que ir a velo. Non o dubidedes. Nin por un minuto.Á tardiña. É un momento máxico do día no que presenzas, dende o banco máis fermoso do mundo, o ocaso do sol na súa desaparición polo Océano Atlántico.




No hay comentarios:

Publicar un comentario